Crítica
Corpos que falan, silentes
Dende o Corpo, a vida: ortodoxo código de valor dende os helénicos e os romanos, recorrente praxis que preña o espírito occidental de xeito cíclico no Renacemento e tamén no clasicismo neo-secular decimonónico. O corpo –vale dicir; a materia-, e dende ela a metáfora, que en envoltura plástica pictórica nos presenta “elenamalleira”.
Elena Iglesias, “malleira” por parte de pai, e para a Arte. Engadido ó nome, como si dunha segunda natureza se tratase, da que o tempo nos guiará ata comprobar se permanece estático con personalidade xeracional ou migra ata absorber o patronímico. Esta nova artista ourensá, profesora na “Antonio Faílde”, que ten deseñado asemade formas artísticas en empresas como “Porcelanas Galos” e “Aqva Cristal”, preséntase coa súa obra ante nós coa excitación dos primeiros pasos e a decisión dun camiñar seguro, baseado nos seus coñecementos e a licenciatura en Belas Artes por Salamanca fai unha década.
Formas suxeridas, que habitan en espacios da memoria segundo a sensibilidade, amosados pola artista do outro lado dun velo, alonxándoas de nós; formas humanas, fragmentos de pel e carne de seres masculinos bendicidos dende unha escolla vital, no que a perspectiva e o fragmento adiviñado do corpo fálanos con acenos líricos íntimos, sensualidade presentida –territorio de aloumiños-, que é velada por un “flou” (“La mujer y el hombre soñaban que Dios los estaba soñando” Galeano dixit). Soño que soñan, espellos de luz con memoria caduca, ficción dun demiúrgo sen sono, noite boreal, sol de media noite.
¡Luz!, pois todo é luz, a través da que a comunicación se explícita para existir, e ser. Gracia divina expresada na forza das texturas das liñas de cor, independizadas das dos corpos, modelados dende a suxestión praxiteliana, peneirada por Michélangelo. Cando Rainer Marie Rilke, o poeta, visitou por primeira vez o “atelier” de Rodin en 1902 descubriu, sorprendido e perplexo, que alí non había senón anacos: “desnudos del tamaño de mi mano, otros mayores, pero nada más que pedazos, apenas un desnudo entero”. Logo, o vello mestre abría as ás (e xurdiu Matisse).
Andar, camiñar, o corpo en movemento. A catro, dous ou “trois pieds”. De pé. ¡En pé! (“Cuando no puedo mirar tu cara/ miro tus pies...”). Por eso elena malleira rexeita os pés, por non falar das mans e das caras, quintaesencia da expresión. Máis deitado, o fragmentario corpo é outra cousa. Formas sen embargo, que transmiten forza: En pose, porque están vivas, o movemento e a ilusión dun fluír (baixo continuo nun concerto barroco onde o violín lévanos...). Celebración da subxectividade. Feiticeira lembranza neoplatónica que expresa ideas e tamén emocións. Sons do corazón de elenamalleira. Poesía “Boccato di cardinale”.
Xabier Limia de Gardón, Ourense, 2003.