Crítica
TALLER DE NUBES
Cinco cadros de gran formato componen a achega de Blanca Silva. Vastos universos vermellos, amarelos e azuis, que recordan aos autores do expresionismo americano, dotan a súa pintura duna capacidade de suxerencia máxica. É a súa unha obra envolvente, lírica impregnada de múltiples e cambiantes matices nos que se recrea a mirada en sosego, como se percebisemos a través das veladuras unha realidade oculta e profunda. Só por ela se xustificaría a desplazamento.
Xulio Valcarcel, Páxina literaria, Betanzos, 2003.
SILVA SALVA PALABRAS DO LUME NUNHA MOSTRA
A exposición que ven de abrir a artista Blanca Silva na nova Galería CIEC de Betanzos, en realidade pode dicirse que se compón duna soa obra repartida en varios espazos e na que está mesturada a pintura coa escritura e o gravado, pero o tema é único: “Xurdiu despois da queima da Biblioteca de Bagdade. Isto alporizoume tanto que a única forma que se me ocorreu de protestar foi coa miña expresión artística. Por iso esta mostra se titula Palabras salvadas do lume”.
Blanca, que ven de facer unha grande exposición de óleos e pintura mesturados con gravado en Vigo, agora mostra esta producción que, polo seu tema, ten moito de rexeitamento a unha das moitas inxustizas que se ven no mundo. “Comecei a obra escribindo en sepia sobre madeira un texto que eu mesma fixen e logo engadín algúns outros de Vicente Huidobro traballados por enriba con augatinta. Logo fixen varias edicións impresas en tea e despois de rachala fun colocándoa pegada sobre cubos ensamblados uns cos outros”.
A exposición ten fundamentalmente dúas figuras. “Unha que vai pendurada da parede representa as palabras que se salvaron e a outra, sobre un pedestal, os elementos teñen máis forma de ataúdes e quere representar non só as palabras, senón tamén os homes e as cousas que non se salvaron. Estas pezas, tamén unidas unhas a outras, van queimadas o que ten un significado simbólico, e están moi traballadas e moi texturizadas”. Para Blanca, esta exposición “non é precisamente un obxecto para a venda, senón froito dunha necesidade que tiña de expresarme. É unha metáfora de calquera cousa que sobreviva ó horror”.
A artista coruñesa, despois deste desafogo espiritual plasmado nunha obra que ten partes chás e outras volumétricas, xa prepara no seu estudio unha nova exposición, esta vez de pintura inda que segue a traballar e a investigar tamén sobre o gravado xa que en moitas obras mestura as dúas técnicas para darlle unha mayor consistencia.
Albino Mallo, Galicia Hoxe, 2006.