Crítica
Á PROCURA DA LIBERDADE DO SER HUMANO. POLDRAS EN LUCRECIO OU A CREACIÓN DA UTOPÍA
Soleira
“Amigo, quero que traballes sobre estas 7 imaxes”. Rede e enfeitizo dun proxecto fermoso creado por Poldras: ilustrar momentos do poema de Lucrecio, De Rerum Natura. Como renunciar? Como non aceptar a idea cando, ao mesmo tempo, o mestre de mestres Agustín García Calvo, ía acompañar coa súa sabedoría o proxecto de Poldras? Non podía. Non quería.
E lanceime ás redes do enfeitizo. O tempo abriuse.
Relín a Lucrecio. E a un dos seus glosadores e intérpretes máis intuitivos, a André Comte-Sponville. E tamén a un dos filósofos mais epicúreos que coñezo, a Michel Onfray. A textualidade destes pensadores e os versos de Lucrecio íanse gravando no meu maxín, docemente, como as letras do amor correspondido nas cortizas das árbores.
De forma consciente viaxaban conmigo ao sentir os impulsos visuais e oníricos das 7 imaxes propostas por Poldras. Máis tamén, por recomendación tamén intuitiva do amigo Enrique Villanueva, o conxunto adquiririu unha nova dimensión co deleite da música de Leonard Cohen e seu Alleluyah. Mestura de Oriente e Occidente. Mestura como futuro. Así foi como abrollou e, coas mans tremendo ante o reto da folla en branco, así é como re-creo os camiños andados.
1 Coma un aturuxo liberador. Ou coma un berro de liberdade. Ou pode que admirando ao ser humano clamando ao ceo, a ese ceo poboado de mitos e deuses, de sinrazóns e cegueiras. Un clamor que simbolizan uns brazos elevándose para rachar as cadeas que impiden a plena expresión da nosa liberdade. Tan abertos que fraternizan co novo mundo: “O terror comeza a disiparse e o mundo ábrese”, expresa Lucrecio, no eloxio ao mestre Epicuro (Libro III).
2 Lucrecio sabía que somos materia. Traspoñendo, no coro de pernas e mans vemos unha metáfora ou unha homenaxe que Poldras lle fai á liberdade que desexa Lucrecio para a humanidade. Mans que procuran outras mans para sentirse, para ollarse no espello das almas. Pernas que exaltan, en escorzo acrobático, e poñen de relevo a ledicia do recoñecemento. Como se as diferenzas, nun ánimo de solidariedade, se recoñecesen no baile da materia.
3 Precisamos abrazar para ser. Un abrazo é dar amor, e, coma nun círculo de promesas, dar sentido á beleza do ciclo da vida. Si, a vida precisa tamén de Amor. Laiaba unha canción francesa, con razón, “il n’ya a pas d’amour heureux”. Non existe amor que sexa feliz. Influenza de Lucrecio? Ou constatación antropolóxica? Pode que non exista eternamente. Na reciprocidade da entrega dos corpos namorados está o cerne da felicidade. Pero, transeúntes, quizais, caiamos na conta de que a rutina dos ciclos nos envolve, nos atrapa e nos abafa. Amor-paixón que non dura, que fenece: “O amor agarda sempre apagar na súa orixe / o lume que o consome. Pero nunca o consegue” (Libro IV). Amor-amizade que fai da compricidade refuxio dos sentimentos... eis o que quere Lucrecio. O que queremos tamén nós...para ser humanos.
4 Somos caída. Gravidade que se experimenta sen necesidade de leis. Ollando o mundo. Somos baleiro? Que somos? Existencia que se pregunta a si mesma en versos de fonda expresión epicúrea, pero lucreciana, ante todo. Somos? Ou cremos que somos? Desprecemos o absurdo. Desprecemos a acumulación sin sentido. Non persigamos riquezas materiais. “En desexar sempre o que non tiñas, / perseguindo o futuro e desprezando o presente, / escapoúseche a vida, incompleta e sen alegría, / E agora a morte asoma á túa cabeceira!” (Libro III). A vida aquí e agora. Somos mentres somos. Lucrecio desde o materialismo, desde a súa consciencia de ser humano, desafía as leis do tempo e ataca ás esencias mesmas do mundo globalizado actual e a cobiza destrutora do neoliberalismo e integrismos relixiosos de todo tipo.
5 Unha chamada? Quero interpretalo así. Unha chamada de atención ao que debemos facer coas nosas vidas, pero, por riba de todo, sobre o alcance da obra de Lucrecio e, xa que logo, dos trazos do propio Poldras. “Grandes son as miñas leccións: veño a rachar / as cadeas da relixión e a liberar as mentes!” (Libro IV). O verso liberador! O trazo revolucionario? Ousadía ou tolemia? Valentía! E nada hai máis revolucionario que un verso que debuxa a liberación do ser humano co sabor que deixa no padal o mel: “Voucho expor na lingua das Musas, / Toda impregnada de doce mel poético” (Libro IV). Déixome enchoupar e teño a sensación de que, por raro sortilexio, versos e imaxes, Lucrecio e Poldras, crean a utopía aquí e agora. Mentres somos na Nai Terra.
6 Círculo de novo. Metáfora da vida. Insistencia de Lucrecio. Somos mentres somos na Nai Terra. Logo, máis aló...non somos. Ateo? Academos a felicidade aquí, na Nai Terra, entre todos e todas nós. Non pospoñamos a procura da nosa felicidade, pois o tempo “é coma un espello baleiro onde se reflicte / o que será o tempo que suceda á nosa morte” (Libro III). Lucrecio non desexaba a morte. Non. Só que saibamos asumir a nosa humanidade. A idea do seu suicidio repousa en interpretacións do seu poema. Era realista: temos un tempo dado nesta Nai Terra, cos seus ciclos, coas súas colleitas, coas súas lúas e choivas, cos seus nacementos e mortes. Nin máis. Nin menos. Sabelo xa impide a desesperación...tan habitual nos nosos tempos, onde non se valora o límite dos propios corpos na súa relación coa propia Nai Terra.
7 Lance falocrático. O seme que a Nai Terra precisa para espallar futuro. O seme, a savia, vén do Amor-Paixón e é preciso para o camiñar da especie humana. Nese camiñar, insistimos, Lucrecio atribúe un papel esencial ao Amor-Amizade. Con el naceron os lazos familiares e o disfrute da sinxeleza da Nai Terra: “cando se sacia a fame, ditoso é distraerse. / A miúdo, algúns, tumbados na fresca herba / á beira dun regato, á sombra dunha gran árbore / podían sen moito esforzo darse pracer” (Libro V). Todo cambia cando aparecen cobiza e desexos de ter máis e máis: “Antes eran peles, hoxe ouro e púrpura, / o que leva aos homes ao odio e á envexa” (libro V). Lucrecio é un home de Paz. Poldras tamén. Recupera para os tempos que corren a un poeta que semella actual polas súas acertadas interpretacións razoadas da vida e do ser humano na Nai Terra.
Epílogo
As imaxes que nos propón Poldras conforman unha viaxe. Déixense seducir pola proposta. É unha viaxe reflexiva. Unha viaxe revolucionaria. Unha viaxe á procura da liberdade do Ser Humano. Unha viaxe na que colmamos a necesidade de vivir en paz con nós mesmos, acadar a ataraxia (paz da alma), sabendo os nosos límites, e sore todo coas demais persoas e coa Nai Terra. Si, Lucrecio en Poldras ou a construción da Utopía, aquí e agora. Somos mentres somos na Nai Terra.
Xabier Ron. Brión, 11 de abril de 2010