Crítica
ESPANTALLOS
Sobre a exposición Espantallos de Luis Hixinio Flores.
Desde O Mago de Oz de Lyam Frank Baum, co entrañable home de palla que ía á procura dun cerebro, ata o Espantallo amigo de Xosé Neira Vilas, estes humildes e orixinais elementos dos campos chamaron a atención dos literatos. Xaquín Lorenzo, na súa contribución á Historia de Galiza que dirixira Otero Pedrayo, describe os diferentes medios que os campesiños utilizan como protección das hortas e labradíos, arredando dos froitos e as sementes, coa súa semellanza cos minifates que se fan no entroido para simbolizar o espírito destas festas lúdicas e transgresoras por excelencia. Nestas creacións plásticas anónimas maniféstase unha parte do subconsciente popular, ás veces mesmo de forma ben crúa, como cando se utilizan aves mortas a xeito de aviso.
As fotografías que integran a colección foron tomadas, case todas no territorio da provincia de Lugo, entre xaneiro de 1994 e setembro de 1996. O autor decidiu realizar con elas unha exposición coa finalidade de agradecer e ó mesmo tempo animar á xente a que siga facendo e utilizando as tarabelas. Reflexiona Luís Flores en que o home creou os espantallos á súa imaxe e semellanza, igual que, segundo a tradición bíblica, fixo Deus co home, e os puxo a traballar nas leiras, nos prados, nas hortas, para que o axudasen na penosa tarefa de gañar o pan co suor da fronte, e avoga tamén pola súa función de espantar os paxaros, no canto da utilización dos velenos, como medio para preservar a Natureza. Sen os espantallos, os nosos campos, leiras, cortiñas e agras non serían o que son.
Museo do Pobo Galego
ESPANTALLOS
Os espantallos son labregos disfrazados, que intimidan ós intrusos que chegan ás leiras. A modo de semellanza que os propios galegos ollamos ós que arriban preto e nos son descoñecidos. Pola provincia adiante vense cada vez menos, igual ca prantacións. E todos sabemos que non é lóxico ter un vixia de eucaliptos ou de piñeiros; sabemos que o espantallo ten unha función claramente delimitada, o que nos impide empregar a súa figura para calquera outro uso.
Co tempo, o vixía muda de traxe, de tamaño e cambia o sombreiro por outro máis lucido e moderno. Trátase de vestilo vistoso. É o seu cometido. A exposición invita a reflexionar sobre moitos dos costumes que aínda conservamos, pero que co paso do tempo se verán obrigados a cambiar. O espantallo cumpre unha función, coma cabozos ou paneras, ou como nalgún tempo, tiveron os fornos de pan que agora nos dedicamos a restaurar para colocar macetas ó seu redor.
María Cuadrado, La Voz de Galicia.
HOME DE FARRAPOS, ALMA DE PANTRIGO
Moitas veces, como ocorre en San Xoán de Pena, basta para asusta-los paxaros amosárlle-la súa propia apariencia. Así abundan nos campos galegos espellos ou chapas nas que as aves se reflicten e foxen espavorecidas ó atoparse coa súa propia imaxe. Noutros casos, os obxectos que abalan no aire serven para afasta-los animais. Nalgunhas fotografías aparecen tamén espantallos verdadeiramente macabros, que, se cadra, asustan tamén ó home. Corvos mortos a modo de advertencia, galiñas destripadas e todo tipo de animais despezados presiden moitos dos campos galegos. Nembargantes, o máis común é atoparse cos bonecos imitando a figura humana, unhas veces máis elaborados e, outras nas que hai que fixarse moito para atopar un leve parecido co home. No reino dos espantallos non se fai distinción de sexos. O mesmo serve unha saia, unha chaqueta e un pano ca un mono de traballo ou un balon de fútbol. Os bonecos esquecidos polos nenos, eses regalos antigos xa sen ollos ou cunha perna de menos son tamén moi socorridos á hora de espanta-los paxaros. En canto á vestimenta, o máis normal é que os monifates leven roupas xa desterradas dos armarios por vellas, con buratos e descosidos pero, ás veces, sorprende ver un espantallo con roupa de domingo. Parece que se van botar a andar para ir á verbena.
Todos estes enxeños, sobre todo os que representan a apariencia humana forman xa parte do carácter do seu dono. Incluso hai que loita por deseña-lo monifate máis bonito. Se embargo, como di Luis Flores, produce desacougo pensar que a soa imaxe do home provoca un medo tan intenso que fai fuxi-los animais.
C.E., Galicia Hoxe