Crítica
VOLTAR Á PEDRA Sorprendéunos a exposición que presentou Francisco Pazos no centro "Caixavigo" o ano pasado. Agora exhíbese no mosteiro de San Martiño Pinario unha completa visión da súa produción, máis de 30 obras, desde 1991 ate o presente ano. Son pezas realizadas en diferentes...VOLTAR Á PEDRA Sorprendéunos a exposición que presentou Francisco Pazos no centro "Caixavigo" o ano pasado. Agora exhíbese no mosteiro de San Martiño Pinario unha completa visión da súa produción, máis de 30 obras, desde 1991 ate o presente ano. Son pezas realizadas en diferentes materiais: madeira, granito e cobre, pero destaca o grande protagonismo que ten a pedra que é o material que mellor domina. A pedra sempre tivo na Galiza un carácter mítico e asóciase, a miúdo, a diversas supersticións. Seguindo por ese vieiro, Francisco Pazos practica unha especie de exorcismo sobre as pedras coas que traballa para extraer do seu cerme todo o seu potencial e para mudar de forma un elemento tan natural e tan cheo de posibilidades renovadoras. Foi a pedra o elemento ó redor do que xurdiu a arte en Galicia -petroglifos- e con ela fixéronse as primeiras construccións do país, os castros. Co paso dos anos, seguía sendo o elemento vital de numerosas obras tanto arquitectónicas como escultóricas. Velaí están os monumentos relixiosos, as casas, os hórreos... e a fermosa escultura popular: cruceiros, fontes, petos, portalóns. Obras realizadas por verdadeiros mestres no oficio de traballar a pedra, os canteiros, cos que estaremos en eterna débeda polo valioso legado que nos transmitiron. Precisamente, na Escola de Canteiros de Poio é onde se formou e onde na actualidade dá clases este xove escultor (Meaño, Pontevedra, 1961). Desa tradición fornécese de vagar este artista que lle da á pedra unha variada ringleira de formas e de volumes. Sen dúbida, non hai demasiada diferencia entre o traballo dun devanceiro artesán e o dun artista do fin de milenio. As dúas tendéncias, fillas do seu tempo, vencéllanse por un xeito de expresión que sae do máis fondo do peito. Os canteiros empregaban unha linguaxe moi persoal, "a verba dos arxinas", tamén Pazos comunícase co espectador dunha maneira persoal, imaxinativa e predominantemente material facendo que un sinta o desexo de palpar, de acariñar as súas obras. VIAXE ESPIRAL San Martiño Pinario é un espacio arquitectónico onde a pedra acompaña aos desafiantes e neste caso dase unha fusión inevitábel entre a pedra milenaria e a obra de Pazos. Unión entre arquitectura e escultura que produce unha especial tensión, configurándose coma un santuario máxico. Viaxe espiral de ida e volta entre o pasado e o presente que camiñan por un mesmo carreiro cara un futuro liberador. Unir o pasado coas novas linguaxes escultóricas produce un efecto explosivo e ricaz. Francisco Pazos sabe aproveitar ese pasado para criar unha arte viva con fin en sí mesma. É un retorno ás orixes, á tradición. Obras coma "Machados", "Ponta de frecha", "Piote", miran directamente aos restos arqueolóxicos dunha nación chamada Galiza. Ademáis desta tradición artesanal dos canteiros, hai en Pazos unha herdanza das grandes vangardas que revolucionaron o mundo da arte neste milenio, especialmente un dos grandes pioneiros, Constantin Brancusi, formulador dunha arte que descansa no traballo artesanal. Tamén experimentador de formas libres coma Juan Arp ou o famoso grupo de Zurich. Son as pezas de Pazos formas elementais, sinxelas pero cheas de investigación, nas que sempre está presente a tradición popular, a sabiduría do povo. Arte rebelde que agroma do máis fondo das raíces galegas, realizada co mellor dos moldes posíbeis, o sentimento. Dicía o vello Brancusi que non son reais as formas externas, senón a eséncia das cousas. En Francisco Pazos está presente aquilo que escribiu Luis Seoane para referirse ao que era un dos pontos fundamentais dun artista, é dicir, ser "un herdeiro daquelo que é indefiníbel e diferente do seu país. Tributario dos valores recibidos e do costume. Mensaxeiro da singularidade do seu povo. A través del, do seu xénio, transcéndese a tradición, modificándoa e dando lugar ao nacemento de novas tradicións das que, á súa vez, outro serán herdeiros". Pedro Rielo Lamela