Crítica
“A pintura de María José Leira”
“… A liberdade na que lle gusta moverse á imaginación é algo fundamental para Leira cando concibe o ejercicio da pintura. Ela quere deixar voa-lo seu pensamemento pictóricamente, e o voo faino a base de xerar espacios imposibles nos que recoñecemos, é verdade, o ser de cada cousa, pero estas teñen as formas propias do sinxelamente soñado.
Por iso a figuración distorsiona as súas maneiras habituais e perden, no que ó sentido da proporción se refire, o tamaño debido. E a cor trátase desde os mesmos criterios de fantasía. Nada é como debera, porque todo ten como única razón de ser plasmar só o posible máis alá da prosaica realidade.
María José parece recrearse na súa pintura desde unha soidade que parece facela completamente libre, sendo ese, habitualmente, o espacio espiritual no que florecen as súas obras. A utilización que Leira fai da pintura acrílica outórgalles, por outra parte, un sentido de frescura ós seus cadros, certamente xovial e alegre.
Se un surrealismo cun certo sentido naif é o fundamento mesmo da pintura acrílica de María José Leira que levou a cabo nestes últimos anos, parece tamén partir dun criterio semellante na concreción das infografías que agora nos presenta como un camiño novo no seu facer. Nesa novedosa senda estética cabe citar a serie das “Divinidades do Maxín”.
Nesta nova liña de traballo configurada con infografías a súa figuración quere ser máis próxima ó expresionismo. A forza que procura inmiscir en cada figura tende a rompe-la forma.
¿Cara a onde camiña a pintura de María José Leira? Estamos ante unha pintora que, evidentemente, goza pintando. Ela quere seguir experimentando no mundo das técnicas artísticas e trata así de buscar novos efectos cos que enriquece-las súas ansias de arrincar da súa imaginación soños e fantasías.
José Manuel García Iglesias
Catedrático da Arte na Universidade de Santiago.