Crítica
E logo estes azuis?
Nas casas do Manolo da Vila os ataños de barro enchen os celeiros, os sobrados, os faios, os cortellos. El foi xuntando olas, fontes, ámboas, xerras, cuncas, cacheleiras e eran todas de barro inmemorial, coas colores da terra, coas colores do lume, coas colores que nunca eran azuis. As olas pra bater manteiga, as ámboas pra gardar o viño, as cacheleiras para comer en rolda, as cuncas pra beber ou para botarlle pan ó leite: a nosa vida doutro tempo.
Entón o Manolo da Vila puxo forno en Anseán e quixo completar o mundo: estas que fai son cousas novas. Son cousas novas pero non illadas, pois culminan as formas de milenios, as colores das eras. Eu vexo aquí -pero ben sei que non vos vexo abondo- o Mediterráneo fundador, Creta, Micenas, a leda Etruria principesca, Grecia dispersa en todas as ribeiras.
(Vexo tamén os grandes coios que hai nalgúns ríos do Bierzo e nalgúns montes de Castroverde, seguramente en Tórdea; vexo as undosas cunchas, o nácara irisado que as habita, as formas celentéreas gastadas polo mar as espeluncas calcarias de fulgor opalino, os segredos da ágata, a malaquita, o laspislázuli, os diversos milagres do mundo mineral).
E vexo un home concentrado sobre a arxila primordial e sobre as raras substancias que o forno alquímico transforma neste liso veludo de exquisitos matices, de marabillas táctiles. Do corazóndo pobo xorde o artista; do amor das olarías vellas xorde esta nova xeira, esta modernidade chantada nos milenios.
Eu non digo que o Manuel da Vila se quede nos azuis, que ben se ve que non. Son os azuis, os pardos, os verdes, os vermellos, as mil insinuacións entre os matices, as colores do mundo e mais dos soños, o que a calor do forno arrinca da materia da terra e a materia dos soños. Dos sabios soños deste artista de mans hábiles e de ollo esculcador e pensativo. Velaquí a súa obra: a exactitude das formas, as colores espléndidas, o equilibrio do mundo, a beleza tranquila.
Darío Xohan Cabana
Arte do barro pra acoller o tempo
De ser obxecto gustaríame ser un sempre fráxil cacharro de barro, con formas xeométricas, elemental, fendendo e desafiando ao baleiro. Liña pura, textura lisa, sen derramar sobre a pureza afeamentos innecesarios. "Non a toques xa máis... que así é a rosa..." escribiu Juan Ramón Jiménez. Gostaría ser como unha desas pezas feita pola mestría de "Lolo", herdeiro de sabias tradicións de oleiro, quen hoxe nos convida a movernos entre a súa obra, probas de saber e de bo facer. Formas que nos traen lembranzas do que somos culturalmente, parte do Mediterráneo civilizador. O mar das civilizacións, ese gran camiño, do Oriente que nos "orienta", onde nace a palabra, os símbolos, as leis... Augas salgadas, mares de intenso azul, labrado por ronseis de odiseas, de periplos, de culturas que conflúen co Océano Maior, o dos atlantes, para bater na proa deste extremo occidente que é Galiza. Mar dos buscadores do paraíso das mazás de ouro, das illas Hespérides, por onde os argonautas buscaban o pelexo do carneiro de ouro... océano de Brandán navegando sobre unha balea; océano do San Amaro... de infindos santiños que fixeron as súas navigatios en "barcas de pedra"...
Faros e portos da nosa Ítaca, onde penélopes tecen e destecen labirínticas teimas, esperando... Breogán, Prisciliano, Arturo... e unha infinda compaña de santos mediadores. Todo e máis do que fomos está no sentir desta obra en barro. Todo un universo de pescudas, de camiños andados e odiseas navegadas que deixan pegada no que facemos e somos, a identidade. Pois estamos feitos do que fixemos, do que somos e do porvir: barro trazando cuncas e xerras esféricas, xeométricas preñadas de misterios.
Manolo Fernández López, o amigo Lolo, asentado en Anseán do Corgo, inspirado en parte do que foi o bosque sagrado de Lucus, por onde se presente o deambular de Merlín e tantas compañas de luz, é o ceramista que sabe o ritual que oficia e trae entre as mans: ergue o barro húmido, revírao en viravoltas sobre o torno en buscas de principio e fin. Cacharros traballados mediante toda unha serie de códigos herdados, dos que partir e sobre os que re-crear. Novos tempos, novas técnicas de facer e cocer, novas formas, novos vernices, novos ritos, novos mitos... e a espiral das odiseas a desenvolverse ao redor de nós. Nó, encrucillada, labirinto, camiño, Xogo da Oca no que perderse para logo facer cuncas nas que verter ledicias para erguelas, brindar e apagar saudades. Saudade en cada peza: kernos minoicos, lekitos gregos, bucheros etruscos, pratos de Petra, khalatos ibéricos, sigillatas, ánforas romanas, bastas olas medievais, xerras islámicas, barreñas de Niñodaguia, de Buño, de Bonxe... e moito máis na historia da cerámica, e todo para a aprender e mellorar para quen teña os pés na terra.
Cuncas, xerras que falan por sí soas que acollen e reparten paz. Pezas que suxiren pasado e presente. Traballadas en barro suavemente, querendo confundirse co baleiro para delimitalo, ofrecelo e bebelo. Xeometrías lenticulares, esféricas, parabólicas, cadradas, anacos de cosmogonías para seren recipientes da poesía que aínda levamos dentro e desexamos compartir.
Felipe Senén