Crítica
A natureza é a orixe e centro do que xorde a inspiración, a forza creadora. Só hai que observar atenta, enchoupar os sentidos polos seus aromas, formas e cores. Deixarse levar pola idea romántica de que podemos aprender a esencia daquilo que atrapa a nosa retina e que nos impele a deixalo inmortalizar nese preciso instante, sacralizándoo por insignificante que sexa. Deixarse posuir pola necesidade vital de engulir a beleza que se agocha nos seres e as cousas. De expresar a fascinación pola inmensidade e diversidade de faces que que ofrece o universo.
Nunha fusión absoluta co contorno, no que sempre, dende unha postura vitalista e milliana, e coa memoria fresca dun paraíso perdido que se reflicte no imaxinario elixido como metáfora de tódolos goces, atopa incentivos para seguir indagando e experimentando, en constante busca de novas formas de comunicación.
Máis asumindo a frustración de non poder plasmar textualmente o que bule no interior da súa alma. Mesmo encarando o desafío de obedecer aos impulsos creadores, fío condutor dunha particular forma de existencia, baseada nunha postura filosófica enraizada nun panteísmo naturalista. Labor no que os límites do tempo e o espazo perden en absoluto o seu significado.