Crítica
Luis Pachón é un pintor de orde e concerto, dono dunha serea execución. A marxe da experimentación que comeza cada día, Pachón atopa na augarela un refuxio íntimo, pois coa mesma técnica de acuarelista outórgalle ó cadro ese engado eterno, símbolo visible da beleza e do gozo, nos acordes da sinfonía doméstica: a cobiza do lonxano. Dito doutro xeito: a poesía cotiá.
E aínda na cerámica, a miúdo, coma se a arxila fose o mesmo cerne de materia, Luis Pachón fai medrar a imaxinación e busca a xeometría natural das cousas. Pois tódalas súas pezas posúen acaso un corazón nutrido de rompentes. Aquí xa, o sentido propio das mans do ceramista teñen tino para lograr o signo do vento, do lume e da terra fabulosa. Pois a noite é máxica, e tamén o sol, en Allariz.
Manolo Catoira