Crítica
OS MUNDOS CLASIFICADOS DE MOÏSE DIKOFF
A primeira vista, a obra de Moïse Dikoff pode semellar un produto ecléctico se atendemos aos seus referentes plásticos, e efectivamente eclecticismo hai na súa obra, sempre que se entenda o termo na súa acepción máis positiva, liberado de certas connotacións críticas que por medio do culto ao obrigatoriamente distinto e rompedor se impuxeron na tradición da modernidade -por usarmos un concepto caro a Octavio Paz- desde o século XIX. Entendo que no noso artista este eclecticismo se manifesta en forma de diálogo co mellor da tradición, no seu caso, indubidabelmente, coa que constitúe o movemento moderno e que ten na Bauhaus un dos seus fitos culminantes no ámbito do deseño e da arquitectura, mais tamén na escultura e na pintura, territorios nos que desenvolve a súa obra creativa, aínda que establecendo pontes co deseño e a arquitectura.
Moïse Dikoff traballa as súas obras desde unha acentuada xeometría, que ten ben precisos referentes vangardistas. Véñennos á mente os nomes de Paul Klee –no que penso cando contemplo unha obra como Reflejos (2005)-, Piet Mondrian, Vassili Kandinski –o Kandinski máis Bauhaus-, mais tamén os arquitectos Walter Gropius ou Mies van der Rohe, este último explicitamente homenaxeado no óleo Seagram (2005). Con estas referencias, podemos observar cómo o artista elabora frecuentemente estruturas en faixas horizontais e verticais, que funcionan como auténticos valados, valados de luz e cor, construídos en plenitude de ritmos e tensións espaciais, mais que non queren ser, nin polo tanto funcionan como límites, senón como limiares a través dos que podemos percibir unha abertura, como xanelas que se abren para outro tipo de percepcións e realidades, que nos dirixen cara outro tipo de olladas, que nos convidan a enxergamos novos mundos, pero que decontado nos levan cara a unha visión do pormenor, pois a actitude do artista, que actúa como un auténtico miniaturista, axiña nos transporta aos seus “mundos clasificados”, como no cadro que leva precisamente o título de Mundos clasificados (2005) ou en obras como Ajedrezado, Ojos negros, La mer est croisé ou Paysages entrelaces, estes dous últimos cun universo paisaxistico non exentos de alusións surrealizantes.
Hai tamén no noso artista unha referencia clara ao que convencionalmente entendemos por “realidade”, por representación realista, mais na súa captación o que lle interesa non é apenas a simple representación, senón que é o esforzo por erixir o cadro ou o obxecto escultórico como un feito autónomo, ordenado segundo as súas propias leis, que no seu caso se sitúan en referentes estéticos ben concretos e xa antes sinalados.
De todos os xeitos, Moïse Dikoff ofrécenos nestas obras mundos explícitos, non cifrados, e elabóraos cunha pincelada firme e delicada ao tempo. Constrúense en campos cromáticos lenemente matizados, que abalan entre a elaboración dun minimalista até a conformación de puros campos cromáticos, procurando manterse fiel á razón xeométrica e aos tempo a un ritmo poético. Nas esculturas os referentes construtivistas alternan e compleméntanse con concepcións máis achegadas ao que poderiamos entender por poema visual, categoría á que semellan remitir obras como Escrito en el viento ou Drisse, obras realizadas basicamente en madeira.
Finalmente, quixera salientar que sorprende, nestes tempos de liquidación da tradición da vangarda histórica, unha aposta pola mesma de xeito tan manifestamente explícita como a realizada por Moïse Dikoff. Enténdase que considero esta opción como enriquecedora e como unha vontade de diálogo, lonxe do puro achegamento mimético, e a observación tan elocuentes e atractivas como algunha das sinaladas -e penso por exemplo no antes citado Seagram, coa súa homenaxe a Mies van der Rohe por medio da alusión ao seu coñecido rañaceos de Nova York- son probas do enorme engado que con este sutil diálogo o artista consegue, ligando como o grande arquitecto alemán razón e poesía ao servizo da beleza.
Carlos L. Bernárdez