Crítica
Cereijo busca a escuridade. Provócaa, pintaa escura para, dela, facer xurdi-la luz, a ou as figuras. Ese tratamento barroco repítese practicamente en tódolos seus cadros; velaquí que chegue un momento no que case é o de menos que esa figura sexa un esqueleto de animal a penas identificable, un corpo feminino obsesivamente asediado, un bodegón romántico e setentrional, ou uns simples perfís entre xeométricos e orgánicos. Mesmo neste último caso, segue a te-lo cadro un aire de aparición espectral na tebra. Esa aparición abstracta, combinada ou non coas outras aparicións mencionadas, lévanos ó terreo do que, no Nova York dos primeiros anos corenta, se denominaba surrealismo abstracto. (...)
Figuracións terribles, bodegóns do soño, retratos da memoria perdida, e tamén algunha illada visión viaxeira de Holanda ou dunha Unión Soviética contemplada baixo un curioso prisma cubo-futurista, e ata proxectos a penas desvelados de esculturas en ferro: todo esto tan diverso é obra dun mesmo pintor, alguén para quen a pintura é unha especie de diario íntimo sincero e apesarado, "un reflexo da vida", e que considera necesario non pecharse nin nun xénero, nin nun xeito: "nunca me preocupou ter un estilo, nin sei o que é ter un estilo, aínda que sei moi ben o que é ser fiel ós meus pensamentos". Alguén que, entre as súas coleccións e as súas lembranzas, entre as súas obsesións e a súa busca da serenidade, anhela ser, na súa butaca de orellas, e tamén co pincel na man, perante o cabalete, un aventureiro pasivo, un viaxeiro inmóbil.
Juan Manuel Bonet
En particular, a capacidade de soño perante os obxectos propios que ten Vázquez Cereijo, soño que nos fai soñar, agroma no descenso ó poder dunha vea que por profunda sempre emerxe cargada de formas. Esa corrente vincula cada cousa cun fondo lendario, e el, pintor, fala desde aí, tocándonos por dentro ó baixar ó tecido do soño. A través do sufrimento, un sufrimento atroz porque non ten máis causa có simple desamparo dunha vida que se entregou en vivir, o pintor, coma o meigo, pasa ó outro lado do espello para volver ó noso mundo, en transo, cun feixe cromático de formas que funda unha comunicación forte. Volve coas emanacións fantásticas de abaixo, un mundo luminoso que desorienta antes de nos depositar nunha nova calor. A pintura, deste xeito, reúne outra vez a tribo humana ó redor do lume, unha visión sagrada, un novo resplandor do indómito.
Ignacio Castro
Vázquez Cereijo pertence a esta nómina de artistas composteláns, creadores afeitos a conviviren co pasado e co futuro, que integran na súa obra a tradición e a modernidade do mesmo xeito que conflúen neste privilexiado escenario urbano. A converxencia de visións enriquece unha pintura que aspira á atemporalidade, participadora dun ánimo integrador no que a linealidade da historia non se rompe, senón que se ve desde unha perspectiva serena. porque Vázquez Cereijo traballa sen pausa co ánimo do xeógrafo, o explorador que traza os planos do territorio por onde se desenvolve a súa viaxe, territorio que para o artista se identifica coa pintura, o espacio de investigación e campo de experimentación no que logra definir todo o seu amplo corpus estético.
Manuel Fraga Iribarne